Entrevista a Francisco Javier Piñeiro, director comercial de Bodegas Eidosela

“O cooperativismo e o noso viño do Condado son os piares da nosa identidade”

 
Na fronteira con Portugal, no sur de Galicia, un grupo de viticultores emprendedores crearon hai máis de dez anos a cooperativa Bodegas Eidosela inspirados pola tradición do Condado do Tea, unha zona histórica na elaboración de viños desde a época do antigo imperio romano. Hoxe, os seus viñedos ocupan 60 hectáreas e as súas instalacións teñen capacidade para producir 600.000 litros de viño de alta calidade e cunhas singularidades moi diferenciadas doutros produtos do mercado. Nesta entrevista coñecemos os seus proxectos actuais e que significa para eles traballar no marco da economía social. 
 
 
1.- Cando se creou a cooperativa?
A idea de crear Bodegas Eidosela xurdiu en 2003, pero a cooperativa formalizouse e púxose en marcha a partir de 2005. De feito, en 2006 creouse a bodega e en 2007 distribuímos no mercado os nosos primeiros produtos.
 
 
2.- Como valora o modelo cooperativo? Cal é a experiencia ata agora?
É o sistema ideal para promocionar o campo galego, porque fai que a xente se quede na terra. E a ilusión que teño, xunto coa inmensa maioría das persoas que traballan no campo, é que a xente que decide mudarse da cidade ao rural poida vivir da terra. Sen embargo, para conseguilo, hai que ir pouco a pouco.
 
 
3.- Cales son os proxectos e produtos nos que traballa actualmente a cooperativa?
Comezamos, como todas as adegas nas Rías Baixas, producindo un viño albariño. Tamén empezamos cun viño do Condado porque estamos no Condado do Tea, e hai que manter a tradición de cada zona. Consideramos que esta orientación é moi importante e ata agora tivemos bastante éxito. Na actualidade estamos elaborando uns viños sobre lías, que consiste en fermentar en barrica en pequenas cantidades, porque hai picos de consumo e temos que facer a produción adaptada a este comportamento. E o proxecto máis recente consistiu en elaborar viños co método champanoise, viños espumosos conseguidos tras unha fermentación en botella. A este produto puxémoslle o nome de “Burbullas do Atlántico” porque entendemos que non hai nada que reflicta mellor as características dos nosos viños que o océano Atlántico, cuxa influencia climática é crucial.
 
 
4.- Cales son as proxeccións para 2017 e o futuro?
Non podo dicir que o futuro vaia ser sempre positivo, porque hai moitos factores externos e alleos que inflúen na marcha da nosa cooperativa e do resto da economía, pero estamos moi contentos porque o noso negocio está diversificado. Case o 40% das nosas vendas destínanse á exportación. A única preocupación é que a anada da viña que se está podando agora sexa boa, xa que en 2016 a produción foi un 18% inferior á do ano anterior. Queremos darlle continuidade ás nosas vendas, sobre todo para a demanda que procede de mercados exteriores.
 
 
5.- Ademais de España, en que outros mercados está presente Bodegas Eidosela?
Estamos vendendo en Estados Unidos, Canadá, e introducíndonos en Porto Rico, que é un mercado moi potente. En Europa, chegamos a Reino Unido, Irlanda, Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo, e tamén vendemos unha parte en Francia, Alemaña e Dinamarca. En Polonia comezamos a exportar con resultados moi positivos. Os nosos produtos tamén viaxan moito máis lonxe e chegan a China, Xapón, Australia e ás Illas Barbados. 
 
 
6.- Como se consegue vender viño galego no exterior? Cal é o proceso e a adaptación aos gustos doutros países tan diferentes ao noso?
Desde Bodegas Eidosela buscamos empresas importadoras especializadas, ás que lles ofrecemos os nosos produtos. Se lles encaixan e lles gustan, enviámoslles mostras para que as proben e esperamos unha resposta. Representantes dalgunhas destas empresas incluso se desprazan ata Galicia para coñecer o noso proxecto.
 
 
7.- Que singularidade destacaría de Bodegas Eidosela respecto deste sector tan competitivo?
Primeiro, que somos cooperativa, algo moi importante para nós. E segundo, que temos cooperativistas en toda a zona do Condado de Tea, con viñedos en Tui, Salvaterra do Miño, Ponteareas, As Neves, Arbo, Crecente e A Cañiza. Isto que significa? Supón que, partindo da mesma variedade de uva, cada zona dá uns viños diferentes, porque depende de se se producen en terras altas ou baixas, o cal cambia as súas características. Isto fai que o noso viño sexa diferente, non podo dicir nin mellor nin peor, pero si totalmente diferenciado doutras bodegas. Polo tanto, o noso viño do Condado e o cooperativismo son os piares da nosa identidade.
 
 
Venres, 21 April, 2017 - 11:00

Compartir