Entrevista a Eva Rosende, socia avogada da cooperativa Artigo 14

“Somos a primeira cooperativa de avogacía creada en Galicia e o noso obxectivo é seguir sumando soci@s”

Constituída en 2016 por tres avogados mozos que rozaban a trintena, Artigo 14 xa fixo historia por ser a primeira cooperativa do seu sector en dar o paso na nosa comunidade, un fito que foi aplaudido polas empresas de economía social. A súa defensa do interese xeral e do consumidor é unha constante no seu traballo e nos numerosos artigos publicados para concienciar aos cidadáns dos seus dereitos. Aínda que sobre os seus plans prefiren ser cautelosos, gustaríalles sumar novos cooperativistas ao proxecto e en distintas cidades galegas.  

Como xurdiu a idea de crear a cooperativa?

Cada un dos actuais socios tiña a súa situación particular. Julia e eu traballabamos por conta propia e Miguel como colaborador nun despacho de avogados. As dúas levabamos tempo pensando na posibilidade de asociarnos e coincidiu que Miguel deixou o despacho para reflexionar sobre o seu futuro. Dado que en avogacía sempre é bo que varias persoas se unan para abarcar máis áreas, decidimos dar o paso e crear algo xuntos. A partir de aí tivemos que elixir a forma empresarial para o noso proxecto. A Julia chamáballe a atención o cooperativismo desde facía moitos anos e comezou a informarse acerca do seu funcionamento e descubrimos que tanto os seus valores como os seus principios encaixaban coa nosa idea de negocio, polo que apostamos por esa vía.

Canto tempo levou madurar a decisión de crear a cooperativa?

Julia e eu estivemos seis meses, desde principios ata mediados de 2016, preparando o terreo para emprender xuntas e, na procura dun terceiro socio, convencemos a Miguel ese mesmo verán. En setembro iniciamos todos os trámites para crear a cooperativa. Con todo, a idea de traballar como cooperativa xa aflorara antes, concretamente en 2015.

Por que o nome de Artigo 14?

Escollemos o nome nunha sorte de homenaxe ao artigo 14 da Constitución Española, que recolle o dereito fundamental á igualdade.

A cooperativa está formada por un perfil de persoas novas e cada un está especializado nun ámbito xurídico concreto.

Si. O dereito civil é máis común, polo que hai determinados temas nos que todos temos unha mínima experiencia, pero hai algúns que son máis específicos, como o dereito laboral, mercantil ou penal, nos que si nos asignamos os casos con base na nosa experiencia. Ao mesmo tempo, isto supón unha oportunidade profesional para nós, porque podemos seguir profundando no que nos gusta sen renunciar ao que esixe o cliente.

Artigo 14 é a primeira cooperativa de avogacía que se constitúe en Galicia, non o considerades xa un gran paso?

(Risas) Pódese dicir que somos un pouco innovadores e pioneiros no que respecta ao cooperativismo na nosa profesión. En Cataluña hai unha cooperativa moi grande, con máis de 100 avogados, e tamén as hai en Madrid e en cidades andaluzas, pero en Galicia non había ningunha. Na nosa comunidade, tradicionalmente sempre se percibiu como unha fórmula ligada ao sector agrario, pero iso xa está a cambiar e é unha opción idónea para crear calquera tipo de negocio. Ademais, achega matices que nós consideramos importantes: destínase unha porcentaxe dos beneficios para investir en formación e os empregados poden ser socios e participar na toma de decisións de maneira democrática.

O feito de ser a primeira cooperativa de avogacía supón unha maior notoriedade?

Do que si nos estamos dando conta é que cooperativas doutros sectores alégranse moito de que na profesión da avogacía por fin alguén acepte a fórmula do cooperativismo.

E abre máis portas no sector da economía social?

Si, totalmente. Algunhas cooperativas xa nos trasladaron a súa intención de contar cos nosos servizos no caso de que os necesitasen, debido, en gran medida, ao noso compromiso co cooperativismo. E nós actuaremos igual, contrataremos a outras empresas de economía social para realizar un traballo alleo á nosa actividade principal. Temos que apoiar o modelo desde dentro.

A pesar da súa recente creación, a cooperativa xa ten presenza en Santiago de Compostela e A Coruña. Á parte de máis negocio, a existencia de dúas sedes permite conciliar.

Si, dous dos socios, Julia e Miguel, viven en Santiago e eu na Coruña, o cal nos permite cubrir máis territorio e, por tanto, máis negocio. Cada un encárgase duns temas específicos e viaxamos a unha ou outra cidade en función dos casos nos que estamos a traballar. Co tempo gustaríanos abarcar máis poboacións e sumar novos cooperativistas ao proxecto. E respecto da conciliación, eu vivía na Coruña e é nesta cidade onde facía a miña vida, polo que para min era unha condición importante non mudarme. Todos estivemos de acordo e para a cooperativa era mellor.

Cales son as perspectivas da cooperativa para 2017?

Unha profesión como a nosa é peculiar, porque depende moito da aparición de novos litixios que xorden case ao fío da actualidade. Por exemplo, co tema do dereito bancario, temos un importante volume de traballo derivado das cláusulas chan, ao que se suman os casos de formalización de hipotecas. Traballamos tamén en solucionar demandas relacionadas co imposto de plusvalía sobre a vivenda, que en numerosos casos obriga aos propietarios para pagar un imposto mesmo cando a casa se vende por un valor inferior ao de adquisición, o cal non é xusto e xa existe unha sentenza recente do Tribunal Constitucional que o anula no caso de que a venda orixine perdas. En definitiva, ocupámonos de demandas relacionadas co interese xeral, incluídos problemas vinculados coa retención do IRPF na prestación de maternidade e, recentemente, numerosas consultas sobre a perda de valor das accións do Banco Popular. Sobre todo, estamos ao lado do consumidor.

Relacionado con isto, os socios da cooperativa son moi activos na publicación de artigos en portais como Abogalista e Galifútbol sobre casos e demandas relacionadas co interese xeral e a defensa do consumidor. É algo que os diferencia e achega máis aos seus potenciais clientes?

Si, diso se trata. Ademais, procuramos aclarar algúns temas xurídicos complexos para facelos máis comprensibles a públicos heteroxéneos, que non son expertos nestes aspectos. De feito, moita da información xurídica que se publica nos medios de comunicación non chega aos lectores como nos gustaría, polo que tratamos de facer ese labor social de aproximar o dereito á xente e que, desta forma, tome conciencia. Un caso ilustrativo é o das compañías telefónicas, que cometen continuamente abusos que non se reclaman por tratarse de pequenas contías. Por tanto, ese labor de concienciación parécenos moi importante, sobre todo porque é o mecanismo para cambiar as cousas. Sempre ten que haber un despacho de avogados que se atreva a poñer determinados temas en mans dos xulgados para que que, polo menos, os xuíces se pronuncien.

 

Viernes, 23 Xuño, 2017 - 10:30