Entrevista con Covadonga Toca Carús, Secretaria Xeral de Emprego

"Co proxecto Laces axudarase a máis de 300 entidades e  emprendedores a crear e consolidar a súa empresa de economía social"

A economía social é concibida pola Unión Europea como un sector institucional clave en tanto que favorece a creación de emprego estable e de calidade, reforza o espírito empresarial e promove o crecemento a través da creación e consolidación de empresas, sobre todo, a nivel local e territorial.

Este potencial ponse de manifesto en que este sector mostrou en Galicia unha alta capacidade de resistencia durante a recesión, incrementando a súa presenza nun 30% desde 2007, e actualmente está a amosar un crecemento constante nestes tempos de recuperación, consolidándose como un motor de desenvolvemento económico e social na nosa rexión.

A importancia da economía social en Galicia proxéctase nas más de 7.000 entidades, entre cooperativas, sociedades laborais, confrarías,  centros especiais de emprego, empresas de inserción, SAT, asociacións e fundacións que levan a cabo actividade económica e mancomunidades de montes veciñais en man común, e que aglutinan 320.000 persoas que conforman dito sector.

Que é o proxecto LACES e que obxectivos persegue?

O proxecto "LACES: Laboratorios de apoio á creación de emprego e empresas de economía social" é un proxecto de colaboración entre varias entidades de Galicia e do Norte de Portugal, que ten como finalidade última  contribuír ao fomento da economía social nesta Eurorrexión. 

Preténdese así conseguir un salto cuantitativo na competitividade e o impulso de proxectos empresariais de economía social no espazo transfronteirizo,  favorecendo a consolidación e a creación de empresas e de emprego de calidade.

Que poden esperar deste proxecto as entidades de economía social e os emprendedores? 

Para lograr o obxectivo sinalado, LACES proxecta un conxunto de actividades e servizos cos que se porán en práctica novas estratexias de promoción e apoio á economía social nos sectores emerxentes, así como de modernización  dos máis tradicionais. 

Estas actividades agúpanse en catro laboratorios piloto centrados na identificación de oportunidades de negocio, na creación e consolidación de empresas, na creatividade e a comunicación e na capacitación do talento humano.

Por exemplo, entre as actividades proxectadas, o proxecto LACES contempla o lanzamento dunha aceleradora exclusiva para proxectos de economía social; crearanse espazos pop–up ao longo da Eurorrexión para testar proxectos empresariais; impulsaranse programas de mobilidade, como son as estancias transfronteirizas, que permitirán o intercambio de coñecemento entre entidades galegas e portuguesas; crearase un centro transfronteirizo de detección de oportunidades de negocio en sectores emerxentes; e contará cun servizo de asesoramento como é o programa “Transfórmate e crece”. Así mesmo, apoiarase a formación a través da creación da academia de economía social ou as bolsas xerenciais entre as empresas de economía social, e buscarase dar visibilidade a este sector a través de accións concretas de comunicación.

Que entidades impulsan o proxecto LACES e con que orzamento conta para a impulsar os diferentes servizos?

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emprego, lidera este proxecto, que conta ademais con diferentes socios vinculados co ámbito formativo e académico,  (Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Tras os Montes e Alto Douro), co da creación de empresas (TecMinho, Centro de Incubação de Base Tecnológica do Minho), co do impulso da economía social (Espazocoop, Agaca, Aesgal) ou co ámbito de desenvolvemento territorial (Adrave). Conta pois cunha participación moi ampla e equilibrada, que garante un enfoque desde diferentes perspectivas e sensibilidades.

Este proxecto conta cun orzamento total de 2.917.543,36 €, repartido entre os nove socios que conforman o seu partenariado, e cofinanciado nun 75% polo FEDER no marco do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Por qué un proxecto transfronteirizo con Portugal para o impulso da economía social? 

As políticas públicas da Eurorrexión van enfocadas a potenciar a presenza da economía social na axenda europea 2020 para darlle maior visibilidade e realizar actuacións conxuntas no espazo transfronteirizo.

Preséntase así unha magnífica oportunidade de traballar nun mercado económico e laboral conxunto, como é o da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal,  para identificar e desenvolver instrumentos que actúen como panca para aproveitar o potencial de creación de empresas e xeración de emprego que ofrece a economía social, unha economía en auxe baseada en valores colaborativos.

Que supón este proxecto para o impulso da economía social en Galicia?

O proxecto LACES supón dar continuidade á aposta da Xunta de Galicia pola economía social, un sector de especial relevancia para Galicia. Neste sentido o goberno galego leva xa tempo apostando por este sector a través de diversos programas e iniciativas, sabedor da súa importancia para a creación e consolidación de empresas e emprego de calidade na nosa comunidade. A Lei de Economía Social de Galicia, o papel da economía social na Axenda 20 para o Emprego e no plan estratéxico 2015- 2020 da Xunta de Galicia, así como os diferentes programas e recursos para o impulso da economía social promovidos desde o goberno galego, como a Rede Eusumo, o programa APROL – economía social, ou os laboratorios cooperativos no rural, entre outros, supón a constatación de que a economía social ten un papel protagonista nas políticas da Xunta de Galicia.
Con LACES compleméntanse e increméntanse os recursos da Xunta de Galicia destinados á economía social, dotando a este sector de ferramentas especializadas para o impulso de proxectos empresariais.

Que impacto se espera co proxecto LACES?

O proxecto LACES non só busca a creación de novas entidades de economía social, senón que pretende consolidar e axudar a medrar os proxectos existentes na Eurorrexión Galicia – Norte Portugal. 

Neste sentido, mediante máis de vinte servizos contemplados no proxecto, prevese apoiar máis de 300 empresas e emprendedores do sector da economía social.

 

Fonte da imaxe http://www.erlac.es/wp-content/uploads/2017/04/DSC_1979.jpg

 

Xoves, 21 September, 2017 - 12:15

Compartir