Entrevista a Ángeles Díaz, Cooperativa Plano Pementa

Ángeles Díaz Seoane, Yosune Duo Suárez e Candela Rajal Alonso, conforman Plano Pementa, unha cooperativa de traballo asociado adicada á educación artística con sede na Coruña. Nesta entrevista, Ángeles cóntanos como foron os comezos da cooperativa, os seus proxectos e perspectivas de futuro, e de onde vén un nome tan pegadizo como Plano Pementa.

 

Plano Pementa naceu como cooperativa en xuño deste ano. Cal foi o motivo da súa creación?

Plano Pementa xurde como un colectivo con dúas persoas que arrincamos hai dous anos. Empezamos dedicándonos á educación artística, que é o que nos interesaba. Ao comezar a traballar coñecemos máis xente que se dedicaba ao mesmo, coa mesma liña de traballo e os mesmos intereses, e decidimos xuntarnos. Tras un proceso bastante largo pasamos a ser cooperativa.

Sodes unha cooperativa de traballo asociado. Que motivos vos impulsaron a optar por esta fórmula?

Dentro da nosa liña de traballo, a parte de socialización, de interacción nos talleres, implica unha serie de cuestións que queríamos aplicar tamén á nosa forma de traballar. Nese sentido, a liña que estaba máis acorde coa nosa forma de traballar e entender o que facemos era a cooperativa.

Cal é a actividade que desenvolve Plano Pementa?

Plano Pementa dedícase fundamentalmente á educación artística, levamos a cabo actividades educativas onde utilizamos a arte como ferramenta ou como medio. Tamén facemos creación propia como investigación e xestión cultural. Entendemos a arte como ferramenta, para traballar con ela, pero tamén a través dela, e como fin en si mesma.

Cal é o perfil das socias traballadoras da cooperativa?

As tres socias actuais estamos entre os 29 e os 38 anos, as tres somos mulleres e as tres estudamos belas artes, temos perfís similares e compartimos inquedanzas sobre a educación e as relacións cos demais, a arte e a aprendizaxe.

Dos proxectos desenvolvidos pola cooperativa, cal destacarías e en cal traballades agora?

Agora mesmo estamos traballando coa Rede Museística provincial de Lugo nun programa que se chama Mapas Invisibles. Este programa consiste nunha serie de actividades educativas para desenvolver nos diferentes museos da rede dirixidas a rapaces desde os 5 ata os 13 anos. Mestura o comisariado, o proceso artístico e o proceso educativo coa idea de amosar as coleccións dos museos a través dos ollos dos rapaces e rapazas. É un dos proxectos máis grandes que estamos movendo agora.

De onde ven o nome da cooperativa?

O nome de Plano Pementa xorde primeiramente no colectivo, era o nome que tiñamos. A xente que veu despois non quixo cambialo. Buscabamos algo que tivera que ver co debuxo e coas ideas. O Plano simboliza o debuxo e a Pementa, é algo picante e rápido. Ao final foi un xogo de palabras que funcionaba bastante ben.

 

PLANO PEMENTA EN DATOS

Ano de constitución: 2018 

Sede: Castiñeiras de Abajo, 1 , 15006  A Coruña (A Coruña)

Cadro de persoal: 3 socias

Servizos: Educación artística e  investigación e xestión cultural.

 

Luns, 27 August, 2018 - 10:00

Compartir