Entrevista a Andrés Rodríguez, Presidente da cooperativa Viña Costeira

Viña Costeira naceu alá polo 1968 en Ribadavia (Ourense) cando un grupo de viticultores se uniron para crear unha adega que recuperase variedades de uvas autóctonas cunha forma distinta de traballar. Desde entón consolidouse como unha empresa de referencia no panorama galego, apostando pola innovación e a apertura a novos mercados, que neste ano, ademais de cumprir 50, celebran unha morea de premios. Andrés Rodriguez é o presidente de Viña Costeira desde hai catro anos, unha adega que coñece ben xa que creceu nela,  o seu avó era socio.

 

“Somos unha adega que está investindo constantemente para poder contar cos últimos avances do mercado”

 

Noraboa por estes 50 anos de vida! Canto cambiaron as cousas desde que comezaron esta aventura!

Pois si! Como nos diferentes eidos da vida, todo cambiou moitísimo e no mundo do viño sucedeu o mesmo. Desde a tipoloxía de caldos que hoxe en día se consumen, ata o mercado global que agora temos que atender. E en canto a nosa adega, atrás quedan os anos de esforzos tremendos de todas as persoas que a construíron e a sacaron adiante, e hoxe tócanos ás novas xeracións renderlles tributo por ser capaces de crear Viña Costeira e estar á súa altura para facer posible que cumpramos 50 anos máis.

Veñen de recibir o premio á traxectoria cooperativa nos Premios á Cooperación 2018 da Xunta de Galicia. Cales foron os fitos neste tempo?

Desde logo, a creación da cooperativa en 1968, momento en que centos de viticultores do Ribeiro se poñen de acordo para crear a Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, arriscando o seu patrimonio e expoñéndose a anos sen cobrar a uva para facer fronte a tremendos investimentos necesarios para poñer en marcha o proxecto. A partir de aí, podería citar tantas cousas máis... A recuperación das variedades autóctonas para a nosa D.O., acometendo a reestructuración do viñedo en todas as parcelas, camiño que despois seguiría con éxito o resto da comarca ou, máis recentemente, o desembarco en Valdeorras coa adega de Larouco.

Este ano está sendo moi intenso, vén cunha choiva de premios: Premio á mellor adega de España, un recoñecemento aos caldos nos premios Decanter e IWC... Como repercute isto na empresa?

Moi positivamente. Non só pola repercusión mediática que isto ten, senón polo sopro de ilusión que supón para todos os que estamos traballando por este proxecto.

Sen dúbida este é o voso ano. Aniversario, premios… Como o están a celebrar?

Xa digo, con moita ilusión pero tamén con moito traballo e iso é o bo: todas estas cousas sempre significan o nacemento de novas oportunidades que convidan a non parar.

Cales son as claves deste éxito, de levar tanto tempo funcionando como unha cooperativa e seguir medrando?

Primeiro, o convencemento de que a unión fai a forza e, no noso caso, a unión de moitos pequenos colleiteiros, ademais, fan bo viño, que é o que permite ir medrando ao longo do tempo. Gracias ao esforzo de apaixonados viticultores e o traballo dos mellores profesionais, apostando pola calidade en todos os procesos de produción e elaboración do viño, o noso proxecto foi capaz de cumprir 50 anos e esperemos sexa quen de cumprir outros 50 máis.

Que dificultades teñen ao ser unha cooperativa con tantos socios e que representa á maior parte dos viticultores da D.O. Ribeiro?

Poñer a todos de acordo. Isto nunca é fácil pero se os nosos antecesores o lograron, nós non imos ser menos! Hai pouco celebramos o noso 50 aniversario e, con tal motivo, gravamos un pequeno documental no que os socios fundadores falaban do que viviron nos inicios da fundación da cooperativa e, despois de escoitalos, sería un crime se nós non estiveramos á altura.

Cal é o valor diferencial entre Viña Costeira e outras marcas?

Gústame pensar que son dous. Primeiro, a calidade. Quen consume as nosas marcas, sabe que está consumindo un produto que non o vai defraudar, coa aposta sincera por defender a autenticidade das nosas uvas e cun coidado excelente en todo o proceso desde a viña ata a botella. E segundo, o compromiso social. O noso é un proxecto onde non hai un gran capital por detrás que se vaia a enriquecer. Non somos máis que un conxunto de agricultores amantes do noso terruño que buscan vivir dignamente do que é a súa paixón: a viticultura.

Como é a súa presenza internacional?

Temos presenza nuns 15 mercados fóra de España, se ben non movemos todo o volume que desexaríamos... Esta é a nosa gran tarefa pendente, e a de todo o Ribeiro en xeral, e un dos nosos obxectivos claros de cara aos próximos anos.

Que papel ten a innovación?

Fundamental. Tanto a nivel tecnolóxico como creativo. Nese sentido somos unha adega que está investindo constantemente para poder contar cos últimos avances do mercado e poder garantir unha calidade homoxénea dos nosos caldos, ao tempo que apostamos por unha experimentación constante tanto no viñedo como na adega para poder seguir sorprendendo aos nosos consumidores. Nos últimos dous anos, lanzamos 6 produtos novos ao mercado.

Tamén apostaron forte polo enoturismo? Por que?

Porque estamos convencidos de que é e será unha importantísima liña de negocio no futuro e porque, sabendo das marabillas paisaxísticas e culturais coas que contamos no Ribeiro, temos que dalas a coñecer en moita maior medida. Cando a xente ven á nosa casa queda sorprendida do que temos neste recuncho da provincia e, para poder comprender e valorar os nosos viños, é fundamental que coñezan quen somos e de onde vimos.

Viña Costeira dálle moita importancia á comunicación e a achegar o mundo do viño ao gran público.

Si, é algo que considero que nos falta no mundo do viño e no que deberiamos de aprender da cervexa. Eles foron capaces de chegar a un público moito máis extenso ca nós e a momentos de consumo maiores. Hai pouco estiven en Napa Valley e, ademais de comprobar como había colas para ir visitar as adegas, sorprendeume que a inmensa maioría das persoas que estaban facendo catas e comprando viño, tiñan menos de 30 anos. Iso aquí non ocorre e, entre todos, deberiamos acercar o noso mundo dunha maneira amable tamén á xente nova, por exemplo, para que aprendan a desfrutar da nosa cultura.

Cales son os proxectos para os vindeiros anos?

Moitos. En breve espero que poidamos inaugurar o noso Pazo de Toubes, adega de autor onde elaboramos un dos nosos viños de finca máis apreciados, o Toubes, xunto cun salón de eventos nunha finca espectacular no corazón do Ribeiro. Ademais da decidida aposta da marca polo mundo cultural e artístico para os próximos anos xunto cun forte impulso pola exportación e o enoturismo. Pasiño a pasiño, cumpriremos outros 50 máis.

 

VIÑA COSTEIRA EN DATOS

Ano de constitución: 1968.

Sede: Valdepereira, s/n. Ribadavia

Cadro de persoal: traballadores e socios: 52 e 610

Nº hectáreas de viñedos: 320

Facturación 2017: 11.500.000 €

Litros viño producido: 4.000.000

Botellas vendidas ao ano: 4.000.000-4.500.000

Países nos que está presente: 15 países

 

Venres, 27 July, 2018 - 09:00

Compartir