A economía social alíñase coa Axenda 2030 e os seus 17 ODS

As Nacións Unidas acordaron no ano 2015 a Axenda 2030, un plan de acción dirixido a mellorar a vida das persoas e a calidade ambiental no planeta. A erradicación da pobreza é un dos 17 ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) que están nesa folla de ruta que non só atinxe as administracións e grandes organismos, senón que representa unha chamada universal á responsabilidade.

A economía social e os seus principios alíñanse con estes ODS, segundo acaba de poñer de manifesto a cuarta edición do informe “La contribución de la Economía Social a los ODS” elaborado pola Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES).

O informe constata que a economía social está na vangarda da Axenda 2030, porque os seus principios, como a primacía da persoa, a transparencia, a democracia, a solidariedade e a cohesión social, encaixan á perfección cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Pódense nomear, como síntomas claros desta coincidencia, algúns dos datos que aparecen no balance da REAS (Red de Redes da Economía Social e Solidaria):

  • Equidade: a diferenza media entre o salario máis alto e máis baixo entre as persoas traballadoras é de 1,5/1 e hai un 60% de mulleres en postos de responsabilidade.
  • Sostibilidade ambiental: o 94% das empresas de economía social aplica criterios de consumo responsable na adquisición de produtos, o 37% son entidades con xestión ambiental e o 46% usan enerxía 100% renovable.
  • Cooperación e compromiso coa contorna: o 86% operan con finanzas éticas.

A economía social é unha parte destacada do sector privado, chamado no seu conxunto a camiñar cara á Axenda 2030. As empresas da economía social representan o 10% do PIB en España, o 8% na Unión Europea e o 7% a nivel mundial e os seus proxectos contribúen especialmente a mellorar o emprego, a igualdade -de xénero, económica e social-, o desenvolvemento local, a educación de calidade e a inserción laboral de colectivos en risco de exclusión. A súa incidencia non só é importante nos territorios nos que están asentadas, senón que a súa vocación transformadora espállase cos seus proxectos de internacionalización.                                                                   

Cooperación ao desenvolvemento

Ademais, segundo subliña o informe da CEPES, tanto as empresas de economía social como as asociacións e organizacións vencelladas a ela son axentes especialmente activos na cooperación ao desenvolvemento. Nos últimos 20 anos executáronse por parte destas entidades 160 proxectos en 46 países que melloraron as condicións de vida de polo menos 210.000 persoas e 27.000 familias. Todos estes programas volcáronse na creación de emprego e no crecemento económico inclusivo, apoiando o emprendemento na economía social por parte de colectivos vulnerables e de mulleres.

A economía social non é só un modelo que empregan, nos seus proxectos de Cooperación ao Desenvolvemento, as empresas e entidades que xa forman parte dela. Tamén moitas outras organizacións públicas e privadas ven nel unha garantía de crecemento sostible, sostido e inclusivo.

Segundo os datos que aporta o informe de CEPES, entre os anos 2016 e 2017 a Cooperación Española ao Desenvolvemento investiu preto de 19 millóns de euros en proxectos vencellados á economía social, o que a converte nunha prioridade para os fondos de cooperación. Un 11% deles procedeu de empresas e asociacións de economía social, mentres que o resto correspondeu a ONG’s (o 55,35%); entidades sociais (18,94%); centros de investigación (6,96%); sindicatos (3,98%); departamentos públicos (2,75%); universidades (0,54%), poderes locais (0,26%) e gobernos de países socios (0,21%).

Luns, 10 February, 2020 - 10:00

Compartir