A economía social e outros 5 modelos alternativos á economía de mercado

A economía de mercado tal e como a coñecíamos está sufrindo unha transformación cara á procura de modelos económicos alternativos vinculados á sustentabilidade económica, ambiental e social. Así agromaron propostas como a economía colaborativa, a economía verde ou a economía do ben común, modelos moitas veces identificados coa economía social polos seus compoñentes máis humanos, máis solidarios e máis colaborativos, pero en moitos outros son modelos económicos totalmente opostos aos principios e valores que persegue a economía social.

Por tanto faise necesario establecer as principais características destes modelos fronte a economía social, tendo en conta os diferentes modos de ver e traballar os intercambios económicos entre persoas. Fagamos un breve repaso polos diferentes tipos de economías.

A ECONOMÍA SOCIAL (ES)

A economía social é aquela economía que levan a cabo entidades que, seguindo os principios establecidos, perseguen o interese colectivo de quen as conforma ou o interese xeral dende unha óptica económica ou social, ou ambas.

A ES promove unha economía solidaria, máis xusta e humana, que non persegue só o lucro senón o ben común, xa que ademais de realizar actividades económicas e empresariais  os proxectos de economía social perseguen o interese das persoas e a súa comunidade.

Os valores sobre os que se constrúe a economía social contribúen a un crecemento innovador e integrador e, ademais, á creación dun emprego estable e de calidade, promovendo o progreso económico e social e axudando a crear unha sociedade máis equitativa. Estamos ante outro xeito de emprender, de producir, de xestionar e de consumir, que pivota ao redor dos seguintes principios:

  • Colocación das persoas no centro das súas decisións = xestión autónoma e transparente, democrática e participativa.
  • Repartición dos beneficios en función do traballo, dos servizos ou das actividade achegados polas persoas socias.
  • Promoción da solidariedade interna e compromiso coa sociedade = igualdade entre homes e mulleres, cohesión social, cooperación e independencia de poderes públicos.
  • Compromiso co territorio, propiciando estabilidade e futuro.
  • Fortalecemento da democracia.

Nas última década as empresas da economía social consolidáronse como unha alternativa viable que irrompeu con forza en todos os sectores (alimentación, banca, enerxía, agricultura, telecomunicacións, etc). Neste tempo a ética empresarial gañou en prestixio e recoñecemento social, as persoas consumidoras comezaron a rexeitar marcas e produtos que non actúan de xeito responsable e a premiar aquelas con comportamentos éticos, exemplos de transparencia e boa xestión. Nunha entrevista de 2015 (https://revista-triodos.com/empresas-con-valores/), Luís Morales, responsable en España da rede de emprendedores verdes Greenbiz (http://greenbiz.es/), explicaba que “a sociedade actual demanda exemplaridade, transparencia e comportamentos éticos. Só as empresas que incorporen estes valores serán competitivas no medio e longo prazo, pois poderán conectar con amplas capas da poboación. As que non o fagan xerarán rexeitamento e en última instancia deixarán de ser rendibles”.

ECONOMÍA AZUL

A economía azul (EA) foi impulsada polo libro ‘A Economía Azul 10 anos - 100 innovacións - 100 millóns de empregos’ de Gunter Pauli (https://es.wikipedia.org/wiki/Gunter_Pauli), unha obra que recolle cen iniciativas empresariais innovadoras que poden xerar cen millóns de empregos na próxima década. Esta corrente propón que para ser eficientes na produción de bens e servizos debemos emular os ecosistemas naturais, maximizando o rendemento dos recursos e das infraestruturas actuais e aproveitando os residuos como unha oportunidade para crear riqueza. Podemos resumir a EA como a observación da natureza para a pescuda de solucións baseadas no aproveitamento e na optimización.

(Vídeo) https://youtu.be/vgDCnifB9HY

ECONOMÍA VERDE

A economía verde (EV) defínese como aquela que resulta da mellora do benestar humano e igualdade social mentres que se reducen significativamente os riscos ambientais e a escaseza ecolóxica. Na súa forma máis básica é aquela que ten baixas emisións de carbono, fai un uso eficiente dos recursos e é socialmente incluínte.

A súa aparición responde a un cambio de paradigma no que se valora a equidade social, a protección do medio ambiente e o benestar das persoas; un modelo que inclúe aspectos sociais, ambientais e económicos. Con esta ferramenta pódese loitar a prol do desenvolvemento sostible e contra a pobreza, acadando un estado económico que manteña, mellore e – se é preciso - recupere o capital natural como un activo económico básico, unha fonte de beneficios para as persoas, en especial para aquelas cuxo sustento e seguridade depende da natureza.

ECONOMÍA DO BEN COMÚN

Christian Felber (https://es.wikipedia.org/wiki/Christian_Felber) preguntouse, en plena crise económica, “e se a economía funcionase polo ben de todos e non polo beneficio duns poucos?”. Ese foi o xérmolo da economía do ben común (EBC), un modelo que sitúa as persoas no centro do sistema económico e no que priman a xenerosidade, a honestidade, a cooperación e a responsabilidade. Aquí os actores económicos organízanse de xeito democrático e solidario, dun xeito máis humano. Nunha entrevista Felber explicaba (https://jaimeoliver.wordpress.com/2012/03/21/economia-del-bien-comun-un-modelo-economico-alternativo/) que a EBC propón cambiar as dúas principais regras legais que guían o comportamento dos actores económicos -afán de lucro e competencia- por outras dúas: contribución ao ben común e cooperación. Así pois, o éxito da empresa xa non depende da súa capacidade para xerar beneficios económicos, senón do seu impacto social, dos beneficios que lle pode proporcionar á sociedade.

Para que sexa posible aplicar e medir o grao de implicación da empresa na EBC definíronse unha serie de pautas, a Matriz do Ben Común; e un sistema de medición da súa aplicación, o Balance do Ben Común. Con estas ferramentas é posible determinar que empresas poden obter vantaxes e beneficios fiscais derivados da aplicación da EBC e permite ás persoas consumidoras elixir e premiar aquelas empresas que optan por participar na EBC.

Vídeo https://www.youtube.com/watch?v=Wz2OUD3ILzk

ECONOMÍA COLABORATIVA.

Os coworkings, o cohousing, os bancos de tempo ou as diferentes plataformas, sen ánimo de lucro, que nos permiten alugar, comprar, prestar e vender produtos de segunda man son exemplos da economía colaborativa (EC). Entre as diversas vantaxes deste modelo atopamos o aforro, a mellora na xestión dos recursos, a variedade de oferta, o beneficio ambiental e o desenvolvemento sostible.

As iniciativas da EC están baseadas nas TIC (https://es.wikipedia.org/wiki/Tecnolog%C3%ADas_de_la_informaci%C3%B3n_y_la_comunicaci%C3%B3n), elas provocaron a súa aparición e facilitaron a súa rápida difusión, e ademais proporcionan transparencia ao proceso e permiten a creación de portais e redes sociais onde as persoas interaccionan e intercambian bens ou servizos. A EC proporciona vantaxes para os consumidores (amplitude da oferta, prezos máis competitivos) e tamén está a provocar cambios no eido do emprego ao crear novas fontes de ingresos e novas modalidades de traballo moi flexibles.

Vídeo https://www.youtube.com/watch?v=hq8H16PXlI8

ECONOMÍA CIRCULAR

O seu obxectivo é que o valor dos produtos, os materiais e os recursos se manteña activo o maior tempo posible; para facelo é preciso definir novos modelos de negocio nos que primen a redución, a reutilización e a reciclaxe. Acabouse o producir, usar e tirar. A ECir é máis que una forma de dar resposta ao desafío global do cambio climático e de axudar á preservación dos recursos naturais para as xeracións futuras, tamén é unha oportunidade para fortalecer a prosperidade e o benestar social.

Este modelo supón unha mellora substancial tanto para as empresas como para as persoas consumidoras. As empresas poderán reutilizar os recursos, reducindo así os prezos de produción e provocando un descenso no prezo dos bens que beneficiará, en última instancia, o consumidor.

Vídeo https://www.youtube.com/watch?v=Lc4-2cVKxp0

-----------------------------

Estas economías están transformando o escenario actual, estamos a vivir un tempo de transición (social, tecnolóxica, ideolóxica e cultural) que facilita a aparición e consolidación destes novos modelos que aínda necesitan evolucionar, e todos eles poden atopar na economía cabida, ao ser un modelo totalmente regulado e consolidado no tecido produtivo actual.

A cuestión que se formula é de grande interese, estamos dispostos e dispostas a apostar por un novo modelo económico? Un modelo baseado en valores colaborativos e sociais, que coide do noso medio ambiente e que se poña ao servizo das persoas e do ben común? Existen alternativas e proxectos empresariais que están mudando a forma de entender e facer a empresa, e a economía social é a que mellor se adapta as novas formas de facer mercado. Agora temos a oportunidade de cambiar, de elixir, de buscar unha alternativa mellor. Damos o paso e apostamos pola economía social?

 

Xoves, 14 December, 2017 - 16:45

Compartir