Diego Parajó de Xeneme: “O futuro pasa por traballar en rede con outras empresas, sobre todo de economía social”

Xeneme é unha das empresas de economía social non agrarias máis veteranas, con máis de dúas décadas de traxectoria. A súa andaina demostra que moitas veces a clave para manter durante tantos anos a actividade non depende tanto dunha idea de negocio disruptiva, senón de saber adaptarse aos cambios que esixen a sociedade e o mercado. Precisamente, con esa mentalidade, o seu equipo afronta o que está por chegar.

1. Xeneme defínese como unha empresa que deseña e xestiona proxectos sociais, educativos e culturais. Son ámbitos distintos que combinades para, na vosa opinión, crear algo “distinto”. Que xurdiu desta interesante mestura?
A empresa, cuxa orixe se remonta a 1998, foi impulsada por profesionais do sector da educación social e, desde entón, a súa actividade centrouse nos ámbitos social, educativo e cultural. De feito, comezamos a propoñer iniciativas á Administración local como equipo técnico que soluciona proxectos relacionados con estas áreas. Non todas teñen o mesmo protagonismo nos diferentes proxectos que abarcamos, pero si poden combinarse, como é o caso do Local de Música de Pontevedra, no que levamos traballando desde hai máis de dez anos. Ten un claro enfoque social dirixido a un colectivo concreto, a xente moza, nun contexto cultural que é a música e que ofrece unha ampla cantidade de accións formativas orientadas á inserción laboral.

2. Talleres de creatividade, ciclos formativos, xestión de importantes iniciativas como o Local de Música...Sen dúbida son proxectos moi distintos. Que persoas o fan posible?
Nos dez primeiros anos eramos un equipo bastante homexéneo de xente que procedía de educación social, pedagoxía, psicoloxía e psicopedagoxía. Posteriormente chegou a diversificación a novos perfís, especialmente coincidindo coa crise económica. Foi a partir de aí que comezamos a traballar en rede con outras pequenas empresas e cando comezamos a xestar as relacións que mantemos actualmente. Moitas veces a creación de proxectos nace da fusión de perfís. Isto débese a que, ao final, necesitamos abrir a perspectiva do que facemos para aprender doutras disciplinas. Agora tamén desenvolvemos proxectos no eido da tecnoloxía, traballando con profesionais deste campo. No meu caso particular, son educador social formado en especialidades como a responsabilidade social empresarial ou a dirección de empresas, sobre todo por esixencias dos proxectos que desenvolvía en Xeneme, pero tamén porque me apaixonan. Con todo, nos últimos cinco anos o meu enfoque diríxise máis á innovación social.

3. Que tipo de proxectos son os que máis vos satisfacen como profesionais?
Os que máis nos gustan son aqueles nos que finalmente consegues enganchar, tanto ao cliente como ao público ou ás persoas destinatarias, o cal non sempre é doado. Como dicía antes, actualmente tamén gozamos, especialmente eu, con proxectos relacionados coa innovación. Lembro que hai dous anos tivemos a oportunidade de participar nun laboratorio de innovación cidadá na Coruña, no que abordamos o estilo de vida que pretendemos para o século XXI. Foi todo un reto e moi interesante.

4. En que proxectos traballades actualmente?
Sen dúbida, o proxecto estrela que temos desde hai anos é o Local de Música de Pontevedra, porque representa moitas cousas. Por un lado, supón unha importante estabilidade, porque é un proxecto que naceu no 2008 e continúa ata hoxe. Pero tamén porque nos fixo aprender moitas cousas e porque recolle gran parte da filosofía e esencia da empresa.

5. Como vedes a Xeneme nos próximos 20 anos? Cales son os retos?
A empresa tivo que ir evolucionando e o principal cambio foi a partir de 2012, cando se rompe o ciclo inicial e nace o novo modelo de negocio baseado no traballo en rede  con moitas empresas, especialmente de economía social, e cun enfoque moi singular na súa forma de facer. Creo que o futuro pasa por ter a capacidade de flexibilizar ao máximo a estrutura da empresa, facer forza e poñer en valor iniciativas en colaboración con outras organizacións. Nos últimos anos gañamos varias licitacións coa Administración, que foi posible grazas a estas alianzas. Curiosamente creo que nestes momentos ten valor ser minifundistas porque a estrutura é menor e permite facer cambios e sinerxías con maior rapidez. Esas limitacións convértense en oportunidades e cobran maior sentido nunha economía dixital como a que nos toca vivir.

6. A economía social é un modelo en auxe. Que ideas creativas se poden achegar a este ámbito?
A economía social parte duns principios e valores concretos que cómpre transmitir de forma axeitada. Fai cinco ou seis anos, as persoas que procedemos das sociedades laborais, comezamos a falar como sector cunha filosofía e unha forma de facer propias. Porén, quédannos por explorar novas fórmulas para innovar á hora de construír un relato sobre este ámbito.
 

XENEME EN DATOS

Ano de creación: as persoas impulsoras de Xeneme iniciaron a súa actividade como profesionais autónomos en 1998, para en 2003 configurar a sociedade laboral que é actualmente.
Nº de persoas socias traballadoras: 2 persoas socias e 2 persoas traballadoras.
Áreas de actividade: 
- Innovación social e participación comunitaria
- Consultoría e formación
- Xestión cultural
Web: http://www.xeneme.org/ 

 
Venres, 5 April, 2019 - 10:30

Compartir