Datasalus: “O obxectivo é construír tecnoloxías que axuden aos pacientes a mellorar a súa vida”

Datasalus é unha das novas cooperativas constituídas no último ano en Galicia. Sonia Valladares e Mateo Ramos son os socios fundadores desta empresa do sector tecnolóxico, radicada en Vigo, que formalmente naceu no pasado marzo e que, andando so uns meses, sumou un terceiro socio, Alexandre Campo.

A pandemia ralentizou un pouco os trámites de constitución, recoñece Mateo Ramos, pero tamén está a acelerar o crecemento do seu sector, o da intelixencia artificial e a analítica de datos, particularmente no ámbito sanitario, ao que se enfoca esta cooperativa.

Sonia Valladares e Mateo Ramos son doutores en Enxeñaría de Telecomunicacións e coñecéronse traballando no centro AtlanTTic da Universidade de Vigo. Entre ambos os dous xuntan 15 anos de experiencia investigadora, 37 artigos científicos publicados e 26 proxectos, fundamentalmente no eido sanitario. Falamos con Mateo Ramos do seu proxecto e das razóns que o fixeron agromar na economía social.

Que vos decidiu pola fórmula cooperativa?

Eu xa viña de participar noutras experiencias no mundo do cooperativismo, porque estiven uns anos formando parte do consello reitor de Consumo Consciente Árbore. E despois recordo que pasou polas miñas mans un documento que fixo precisamente Eusumo, hai uns anos, no que vin unha comparativa entre este modelo e outras fórmulas empresariais, e certamente a min valeume de moito. Recordo ter lido ese manual, no que se comparaban dez puntos, e quedar coa idea de que o asunto non é buscar razóns para facer unha cooperativa, senón… “por que non fas unha cooperativa?!” E así foi, o certo é que a cooperativa encaixa coa miña idea e tamén a de Sonia de poñer as persoas no centro. Tanto desde o punto de vista do traballo diario, como das aplicacións e produtos que temos pensado facer en Datasalus, porque estamos orientados ao ámbito sanitario. E o obxectivo final é construír tecnoloxías que axuden aos pacientes a mellorar a súa vida.

Como vos resultou a posta en marcha?

Na posta en marcha e en todos os trámites tivemos a axuda importantísima de EspazoCoop, e estamos moi agradecidos. E tamén temos que agradecer o apoio da Xunta de Galicia, a través do programa APROL. Inicialmente nós optamos ás dúas liñas de axuda deste programa, que penso que é fabuloso e que che dá un aire ao inicio do emprendemento que é fundamental. Despois renunciamos á liña I, porque era incompatible con outro programa para empresas de base tecnolóxica (IEBT), que convoca tamén a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que é para a mesma finalidade e que finalmente nos interesou un pouco máis.

E no mesmo ano da constitución xa tedes outro socio...

Constituímonos formalmente o 15 de marzo de 2021. A verdade é que xa levabamos tempo dándolle voltas e tiñamos bastante adiantado o proxecto empresarial, aínda que despois coa pandemia retrasáronse un pouco os trámites. Por iso, cando naceu Datasalus tiñamos claro o que queriamos facer e é certo que desde entón foi todo máis acelerado. Tamén temos a sorte de pertencer a un sector, o tecnolóxico, que está en crecemento. E así foi, xa entrou outro socio, técnico en administración, xestión empresarial e finanzas. E de cara ao ano que vén, temos un par de proxectos á vista que, se saen adiante, permitirannos incorporar a máis xente. Entendemos que ao mellor non todas as persoas que entren a traballar con nós queren facerse socias, pero se lles brindará a oportunidade e por nós, encantados.

A que se dedica Datasalus?

Pois Sonia e máis eu coñecémonos traballando no AtlanTTic, onde desenvolvimos uns cantos proxectos no ámbito sanitario. No caso de Sonia, traballou sobre todo en ofrecer soporte para a diagnose do deterioro cognitivo, axudar a detectar e tamén retrasar problemas como o Alzheimer. E este é un dos primeiros grandes proxectos nos que estamos inmersos en Datasalus, o de facer dese traballo un produto viable. Polo de agora, a corto prazo, os nosos servizos de analítica de datos, ou de aplicación de intelixencia artificial, están dirixidos a resolver de xeito particular as necesidades concretas dos nosos clientes, que son basicamente do eido sanitario. 

Sector público ou privado?

Pois pode que por vir nós da universidade, ata o de agora estamos a traballar fundamentalmente para entidades públicas. Pero temos a intención de abrirnos máis ao sector privado, no que tamén hai oportunidades.

Cales son os vosos plans de crecemento para os vindeiros anos?

Máis que acabar saíndo á bolsa ou ese tipo de motivacións que a miudo van ligadas ás empresas neste sector, e que non conectan moito coa filosofía da economía social, o que queremos é poñer a intelixencia artificial ao servizo das persoas. Non ao servizo do capital. Queremos facer solucións éticas, nesa liña de traballo. Temos en conta que o futuro vai achegar unha sociedade cada vez máis avellentada e queremos que as nosas solucións vaian enfocadas a ofrecer maior calidade de vida á xente.

Pensades que a intelixencia artificial vai cambiar moito as cousas?

Nós somos conscientes de que o mellor para o coidado dos maiores son as persoas e o seu cariño. Se podemos empregar algún artificio tecnolóxico para axudar a diagnosticar ou previr, pois estupendo. Pero nunca iso ten que conlevar prescindir de persoal sanitario e outros perfís vencellados aos coidados e ao acompañamento. Outra cousa das que facemos é a divulgación sobre a intelixencia artificial, e sempre comezo dicindo que parece que a xente sente unha certa ameaza cando falamos do tema, que se pensa que van vir os robots a substituír ás persoas, e temos que ser capaces de trasladar que é unha ferramenta para facermos a vida máis fácil.

 

Luns, 13 December, 2021 - 09:30

Compartir