A cultura na economía social de Galicia

Benito Vilas, Elena Taboada e Darío Peña, socios de Árbore Arqueoloxía, S. Coop. Galega

Servizo integral de arqueoloxía

“Formar parte dunha rede de economía social foi un paso natural"

O noso proxecto cooperativo nace da necesidade dun entorno horizontal e democrático, e dunha ética do traballo que prima as persoas e a sociedade sobre o capital. Estes son os valores dende os que se debe traballar co patrimonio cultural-arqueolóxico. Tendo claro isto, formar parte dunha rede de economía social foi un paso natural.
No plano persoal, crear a cooperativa permitiunos potenciar valores fundamentais como a igualdade de xénero ou a conciliación familiar, así como desenvolver proxectos desde a base mantendo viva a relación coa cidadanía.

 

Elena Cal, Félix Cal e Xoán Rafael, socios de Cal 3 Fotografía, S. Coop. Galega

Servizo de vídeo e fotografía

“Queriamos que a cultura fose unha vía de traballo paralela”

Eramos tres persoas contratadas por un autónomo e, cando se xubilou, decidimos constituírnos en cooperativa en 2017. Estamos especializados no ámbito da foto e do vídeo, pero queriamos que a cultura fose unha vía de traballo paralela e consideramos que como cooperativa tiñamos máis vantaxes. Queremos promover publicacións ou montar exposicións específicas con outras entidades de economía social e, nese camiño, estamos traballando.
Fomos das primeiras entidades que asinamos o “Código de boas prácticas para cooperativas” porque nos sentimos plenamente identificados coa súa filosofía.

 

Manuel Alonso, socio de Músicos ao Vivo, S. Coop. Galega

Xestión de espectáculos musicais

“Somos cooperativa por principios e pola nosa propia historia”

A miña impresión é que cada vez máis hai máis cooperativas en sectores distintos ao agrario. Hai unha visión distorsionada de que no mundo do “artisteo” todos somos multimillonarios, aínda que a realidade é que apostamos por unha empresa social porque somos máis permeables a todos os valores e servizos que ten vinculados.
Máis que por facilidades, nós somos cooperativa por principios. Se eliximos constituírnos como cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro foi polas nosas ideas e pola nosa propia historia.

 

Miguel Braña, socio de Catro Ventos, S. Coop. Galega

Editora en galego

“A relevancia da cultura está na propia definición da economía social”

A economía social é un modelo no que os aspectos culturais, sociais e ambientais son igual de importantes que os económicos e financeiros. Polo tanto, percibimos a relevancia da cultura na propia definición.
Ademais da indubidable relevancia económica do sector, a cultura xoga de seu un papel importante na creación do imaxinario colectivo. É fundamental reflexionar sobre que valores deben rexer a sociedade, sobre a importancia da diversidade entre outras, lingüística e sobre a posta en valor dos elementos inmateriais. Nese debate, o sector cultural debe ter moito que dicir.

 

Tomi Legido, socio traballador de 10d10, Sociedade Limitada Laboral

Xestión cultural e actividades de ocio

“Apostamos pola economía social hai case 20 anos"

Os tres socios procediamos do ámbito asociativo aparte de ter en común a nosa formación universitaria. Buscabamos unha fórmula horizontal de toma de decisións e atopamos as sociedades limitadas laborais. Apostamos pola economía social en 1999 e aquí seguimos despois de case 20 anos defendendo que o beneficio social está por riba do económico.
No día a día, é moi importante traballar con outras empresas e cooperativas porque se trata de sumar. Este é un sector bastante minifundista e necesitas doutros para seguir avanzando.

 

Ángela Díaz, socia de Plano Pementa, S. Coop. Galega

Educación e creación artística e cultural

“O noso posicionamento laboral e persoal está presente no modelo de empresa"

Optamos polo cooperativismo porque entendemos que o noso posicionamento á hora de traballar e relacionarnos ten que estar presente no modelo de empresa. Ser parte dunha cooperativa implica un esforzo común por traballar sempre desde o consenso e, por tanto, unha maior responsabilidade, aínda que tes a posibilidade de ver medrar algo propio froito deste acordo.
Se se fala de arte e cultura como ferramentas de cambio social, o asociacionismo ven implícito, non pode existir desde unha perspectiva individualista.

 

Venres, 10 Maio, 2019 - 14:15

Compartir