Cooperativa Malas Sementes: “Queriamos, ademais de ter un emprego como calquera, aportar un valor social”
Alba Barbadillo e Ángela Fernández Casal son un exemplo de que nas crises se agochan oportunidades. Estas dúas xornalistas da Coruña atoparon na obrigada parálise pola pandemia o momento de reflexión que precisaban para lanzarse a emprender noutro eido ben diferente, o da hostalería e a restauración, a través dunha cooperativa.
Constituíron Malas Sementes S. Coop. Galega en marzo pasado e o 21 de abril deste atípico 2021 abriron a cantina “A Parva” no mercado municipal de San Agustín da Coruña, onde ofrecen unha gastronomía creativa con produtos de proximidade. Falamos con Ángela Fernández Casal desta nova etapa profesional e da súa entrada na economía social galega.
Como é que pegastes este xiro profesional para abrir un posto nun mercado?
Nós coñecémonos traballando no xornal El Ideal Gallego hai moitos anos, fixémonos amigas alí. Viaxamos moito xuntas por España adiante e por Europa, e un dos nosos recunchos favoritos das cidades é sempre o seu mercado. É un lugar no que se mestura a xente, no que coñeces o que se come e a través diso tamén a cultura e a tradición de cada cidade. Sempre tivemos na cabeza o desaproveitados que estaban os mercados municipais na Coruña. Menos o da Praza de Lugo, que é unha referencia non só para A Coruña senón a nivel galego.
Ou sexa que as viaxes serviron un pouco de estudo de mercado…
A nós gústanos moito comer e a Alba ademais cociña e faino moi ben. E é verdade que víamos que nos mercados da Coruña non había hostalería vinculada ao produto de proximidade e aos valores do propio mercado, como hai noutras cidades. Cando o confinamento, xustamente, saíron a concurso varios postos no mercado de San Agustín, entre eles o da cantina. Empezou a cousa un pouco de risa, de broma… e ao final aquí estamos. Este proxecto está vinculado ao propio gusto pola cultura gastronómica, ao que representan os mercados municipais e á economía circular. Queremos aproveitar o que sae da terra que temos ao lado e non ir buscar os produtos doutro extremo do mundo, non xerar residuos, reciclar, etc.
Por que decidistes crear unha cooperativa?
Foi máis unha idea de Alba, porque ela coñecía outras cooperativas. Para min era unha fórmula bastante descoñecida en principio, pero encaixou con nós porque queriamos, ademais de ter un emprego como calquera persoa, aportar un valor social, dar a coñecer os mercados, potenciar a gastronomía e a alimentación en clave local e circular. E grazas a que Alba coñecía algún caso, contactamos coa asociación EspazoCoop e xustamente o Concello da Coruña organizaba con ela un curso sobre emprendemento en cooperativa, no que definitivamente vimos que era unha boa idea.
Atopastes nese curso, logo, apoio para facer os trámites e lanzar o voso proxecto?
Constituír unha empresa ten a súa complicación, sexa do tipo que sexa. Si, no noso caso o apoio que recibimos a través deste programa foi moi importante. Estamos contentas e cremos que temos que traballar aínda moito nesta fórmula da cooperativa, contribuír tamén desde a nosa experiencia para que a xente a coñeza mellor.
E pouco despois da constitución abristes o posto A Parva no mercado de San Agustín da Coruña. Que tal a acollida?
O 21 de abril abrimos. Ben, moi ben, a acollida foi moi boa por parte das operadoras e os operadores do mercado, porque somos máis novas que a maioría e iso se ve como unha entrada de aire fresco. Tamén porque aquí non había cantina, e porque apostamos polo produto de proximidade. A verdade é que a cociña de Alba non é tradicional para nada, é nova por aquí. E atopámonos que a xente que veu xa está repetindo. E tamén a estética do posto chama a atención. Fixemos unha decoración diferente, á nosa maneira.
De onde sae o nome da Parva?
O nome de A Parva refírese a esa pequena comida que se fai a media mañá, cando xa tes fame pero aínda falta para comer. Hoxe na Coruña, e tamén en moitos outros sitios de Galicia, en diferentes gremios, segue a chamarse así a esa copa de viño ou de augardente que se toma cun cacho de pan a primeira hora. E como polo mercado e os arredores o horario de moita xente é de oito e media da mañá a tres e media da tarde, claramente hai que vir tomar a parva, a picar algo a media mañá. Tamén máis cedo temos o almorzo tradicional con pan, con froita… e xa na hora de xantar, temos cremas de verduras e de legumes, pratos de culler que saen un pouco dos habituais. Estamos con esa oferta algo distinta para eses tres momentos do día, a primeira hora da mañá, a media mañá e a comida. Aquí temos tres mesiñas, chamámoslle terraza interior, porque este edificio ten unha cúpula moi elevada e acristalada e case parece que estás fóra. Todo o que temos é tamén para levar. E ofrecemos o vermú do sábado, porque é un día no que o mercado recibe máis xente, algunha con menos idade, que vén coas crianzas, sen présa, a facer a compra tranquilamente, e o ambiente préstase para parar a tomar un vermú.
A pandemia fixo á xente pensar sobre o que come?
Si, foi como se nos desen un sopapo… estamos a mercar comida que vén do outro lado do mundo. Este proxecto xorde un pouco diso, de que coa pandemia nos decatamos do que estabamos a facer. E, de feito, o mercado está a recibir a xente máis nova. Penso que estamos todo o mundo reorganizando a cabeza e a vida para facer as cousas doutro xeito. E nós concordamos con ese novo modelo máis consciente e por iso aproveitamos para poñer en marcha este proxecto.