A Cidade da Cultura acolleu a celebración do Día da Economía Social Galega 2022, que contou ca participación do presidente da Xunta

A Xunta de Galicia e o Foro pola Economía Social Galega organizaron un encontro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura para celebrar o Día da Economía Social Galega. Unha xornada completa con actividades divulgativas , grupos de traballo, showcooking e actuacións musicais.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu este evento no que salientou que Galicia "incrementa nun 21% os fondos destinados a este ecosistema cunha partida de 42 millóns de euros".

Rueda tamén apuntou que nos Orzamentos de 2023 “3 de cada 4 euros se destinarán a reforzar a sanidade, a educación, as prestacións sociais e a inserción laboral", deixando claro que Galicia disporá no vindeiro ano cunhas contas orientadas a “protexer a fogares e a empresas”.

Para conseguir este obxectivo, o presidente subliñou o aumento nun 6,5% dos fondos para potenciar iniciativas como a Rede Eusumo de cooperativismo, o programa ES-Próxima e o selo de economía Social de Galicia. Tamén fixo referencia aos 10 millóns de euros dirixidos a contratar desempregados a través do programa Aprol Economía Social; a aceleradora de proxectos Es-Factory; ou o Bono Economía Social para propiciar a dixitalización e eficiencia enerxética. Nesta liña, engadiu os máis de 29 millóns de euros, “un 30 por cento por riba do ano pasado”, que a Xunta de Galicia reservou a promoción de postos de traballo inclusivo.

Rueda tamén adiantou que a Xunta de Galicia está a preparar o ecosistema social para os retos do futuro a través da Estratexia da Economía Social 2022-2026, na que anunciou que xa se está a traballar para potenciar a creación de empresas e cooperativas.

Para rematar, quixo resaltar a importancia da riqueza que as 7.000 entidades, cooperativas e centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que existen xeran en Galicia no eido da igualdade, da inclusión e da solidariedade. A economía social supón o 7% do Produto Interior Bruto (PIB) da Comunidade galega e produce un “impacto anual no noso tecido produtivo de 850 millóns de euros, e medrando”, remarcou o presidente.

 

Fonte: Xunta de Galicia

 

Xoves, 3 November, 2022 - 10:00

Compartir