Cata de ideas empresariais: o bo facer da economía social

Esta semana púidose ver, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela, a exposición Cata de ideas empresariais coa que a Xunta e o resto de socios do proxecto Laces difunden a economía social entre a cidadanía. Esta iniciativa busca promover este modelo empresarial solidario, colaborativo e centrado nas persoas.

Esta cata consiste nunha exposición formada por 22 paneis e 5 pantallas táctiles a través dos que se recolle o labor de 20 empresas de economía social de Galicia e o Norte de Portugal e información sobre este modelo de negocio que inclúe diversidade de fórmulas xurídicas. O interese que une o espazo transfronteirizo Galicia e o Norte de Portugal por medio desta iniciativa é dotar de maior valor á economía social para a creación de riqueza e emprego.

O reto principal de Laces é establecer unha axenda conxunta para difundir as vantaxes da economía social, como marco para constituír empresas e emprego de calidade. Ademais, ten como un dos seus principais obxectivos identificar as oportunidades de negocio vinculadas a sectores emerxentes. 

Cabe mencionar tamén que dentro do proxecto Laces está próxima a comezar a segunda edición da aceleradora de economía social Es-Conecta. O vindeiro mércores 10 de abril celebrarase a selección final na que se elixirán os proxectos finalistas para beneficiarse dun programa de alto rendemento de catro meses de duración, que combina, baixo a supervisión dun equipo de especialistas, un conxunto de accións baseadas na formación, a titorización, o coaching, a mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo.

Esta edición, a cargo da USC, completa a oferta das aceleradoras programadas en Galicia polos socios do proxecto LACES, logo das organizadas pola Unión de cooperativas Espazocoop e pola Secretaría Xeral de Emprego.

 

Venres, 5 April, 2019 - 11:00

Compartir