Casa Grande de Xanceda mostra ao alumnado do obradoiro Dual de Emprego “Terras da Montaña II" o potencial do cooperativismo

Casa Grande de Xanceda, sociedade agraria de transformación que conta cunha das maiores granxas de produción ecolóxica con fábrica de produtos lácteos en Galicia, recibiu onte a 21 alumnos procedentes do Obradoiro Dual de Emprego “Terras da Montaña II”, que impártese en Sobrado dos Monxes coa colaboración dos Concellos de Curtis e Vilasantar e que está centrado en viveiros e outras tarefas relacionadas coa xardinería. 

Este obradoiro chamado “Divulgación do emprendemento e de experiencias cooperativas como modelo de éxito” ten como obxectivo que os alumnos aprendan as características do cooperativismo como opción de negocio que pode xerar emprego e prosperar no medio rural. Os alumnos visitaron as instalacións da sociedade agraria de transformación e a directora do Obradoiro Dual de Emprego valorou positivamente aprender como funciona unha sociedade agraria e afirmou: “Sorprendeu moito a cantidade de xente que traballa aquí e o seu interese desmesurado polo respecto ao medio ambiente e aos animais”.

Esta actividade enmárcase no programa de actuación da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Empleo y Seguridad Social.

 

Mércores, 3 July, 2019 - 09:30

Compartir