Benmercado: a tenda en liña da economía social galega
“Consumo consciente a golpe de clic”. É a presentación de Benmercado, unha plataforma de comercio electrónico engraxada e disposta, neste momento crucial, para darlle saída aos produtos e servizos da economía social galega. É unha ferramenta para as vendas pero, máis aló diso, tamén é unha porta para un consumo responsable, a garantía de mercar en empresas e proxectos comprometidos cunha sociedade máis xusta e sustentable.
Benmercado xurdíu do proxecto colaborativo O Tendal, formado por catro cooperativas -Ítaca Software Libre, O Cable Inglés, Xedega e Cidadanía- ás cales se sumaron Milhulloa, Rayados, Maos, Numax e a sociedade laboral Dehistoria. Conta tamén co apoio das asociacións Espazocoop e Aesgal e recibiu unha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a posta en marcha.
Segundo explica Ana Lorenzo, de Cidadanía, o fundamental do proxecto foi, desde o primeiro momento, facer unha promoción conxunta da economía social galega, “trasladar a idea de que mercar nestas entidades significa apoiar actividades comprometidas coa democracia, a igualdade, o desenvolvemento do territorio, a sustentabilidade e a calidade do emprego”.
“Queremos dar a coñecer onde está o noso valor, o valor de ser economía social”, subliña Ana Lorenzo. E este é un momento chave, xa que o público está máis concienciado sobre a importancia de apoiar a produción de proximidade e de apostar por unha economía máis xusta e máis ética.
Os números da súa viabilidade
Benmercado chega xa maduro ao novo escenario que impuxo a Covid-19, nun momento no que moitas empresas da economía social galega teñen que apoiarse no comercio en liña para conectar cos seus clientes.
A páxina web www.benmercado.gal está rodada e cunha loxística preparada para recibir novos provedores que se sumen aos vinteseis que xa empregan a plataforma, nunhas condicións moi competitivas.
Unha visita á páxina de Benmercado permite tamén botar unha ollada á vitalidade e variedade da economía social galega. A tenda en liña ten todo tipo de produtos, desde alimentación ata moda, e un amplo abano de servizos, desde o aloxamento nun establecemento de turismo ecolóxico ata un curso de prevención de riscos. E con todas as garantías!