Axudas para novos emprendedores. IGAPE - PECHADO O PRAZO

Publicadas no DOG as bases reguladoras das axudas do Igape para novos emprendedores na anualidade 2021.   

Obxectivo: Estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, especialmente tras a negativa influencia socioeconómica da crise do coronavirus, cara a fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da creación de empresas por parte de novos emprendedores. Con este programa de axudas preténdese favorecer tamén o reemprendemento e a cooperación interempresarial nas cuestións relacionadas coa xestión, distribución e loxística dos produtos e servizos, tanto na oferta coma na demanda.

Tipo de apoio: Subvención en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarias potenciais: Poderán ser beneficiarias destas axudas os/as autónomos/as e as pequenas empresas, que realicen unha actividade económica e teñan menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade na data da solicitude da axuda.

Enténdense incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.

Cualificación requerida do proxecto: Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias establecidas no artigo 1 das bases serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral ata un máximo de 100 puntos:

a) Compromiso de creación de emprego. Outorgaranse 10 puntos por cada posto de traballo con contrato laboral e afiliación ao réxime xeral da Seguridade Social que se comprometa crear.
A creación de emprego considerarase en unidades UTA.

b) Investimento. Outorgaranse 10 puntos aos proxectos que inclúan investimentos en activos fixos materiais superiores a 50.000 euros e 20 puntos aos proxectos que inclúan investimentos en activos fixos materiais superiores a 100.000 euros

c) Innovación. Outorgaranse 20 puntos aos proxectos ou empresas innovadores. Consideraranse como tales os que obtiveran a cualificación como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) por parte do órgano competente da Xunta de Galicia, os proxectos seleccionados para participar nas convocatorias das incubadoras e aceleradoras promovidas pola Xunta de Galicia ou por outras entidades públicas ou privadas, as empresas inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación, as empresas que dispoñan da certificación EA 0047:2015 ou EA 0043:2015 de Peme Innovadora ou Xove Empresa Innovadora respectivamente, ou as empresas que obtiveran a marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

d) O sector de actividade no que se desenvolve o proxecto. Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselles 10 puntos. No caso de que o proxecto se desenvolva en distintos sectores, estarase ao sector da actividade principal da empresa segundo a facturación do último exercicio ou segundo as estimacións se é unha empresa nova sen actividade previa.

e) Economía verde e circular. Outorgaranse ata 10 puntos pola aplicación de medidas concretas, efectivas e cuantificables de redución da pegada de carbono no proceso produtivo, nos aprovisionamentos, na distribución, no consumo enerxético, de auga ou outros insumos e pola redución e valorización dos residuos.

f) Formación. Outorgaranse ata 10 puntos no caso de que a persoa emprendedora, sexa autónoma ou participante nunha entidade, teña realizado cursos ou programas formativos de xestión empresarial específicos para emprendemento organizados por institucións ou entidades públicas. De estaren organizados por entidades privadas, a acreditación deberá vir acompañada da descrición do contido formativo impartido ou indicar a URL onde se poda consultar na Internet

g) Ás entidades de economía social outorgaránselle 10 puntos. A efectos destas bases, consideraranse empresas de economía social as cooperativas, sociedades laborais, sociedades agrarias de transformación, empresas de inserción, centros especiais de emprego, fundacións e asociacións.

h) Dispor da Marca Galega de Excelencia en Igualdade valorarase con 5 puntos.

Importe das axudas: A subvención a fondo perdido será do 80% dos custos subvencionables ata un máximo de 400.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes: Comeza o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata 45 días naturais.

Para consultar a orde podes premer aquí

Para máis información podes premer aquí

 

Xoves, 17 December, 2020 - 10:00 to Luns, 22 February, 2021 - 10:00

Compartir