Axudas para a contratación de técnicos e técnicas especialistas en organismos intermedios para o asesoramento a empresas en situacións conxunturais provocadas polo escenario económico da COVID-19

Obxecto: subvencións a organismos intermedios para a contratación por conta allea de persoas técnicas superiores e profesionais especialistas que no momento da súa contratación sexan persoas desempregadas, durante un período de 8 meses, para facilitar ás pemes e micropemes un asesoramento específico en materias relacionadas con necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico da COVID-19.

Entidades beneficiarias: os organismos intermedios, entendendo por tales:

– Asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico
– Consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica
– Agrupacións industriais empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia) que representen un colectivo de empresas galegas
– Clústeres empresariais
– Asociacións de persoas autónomas.

Actividades subvencionables:

Subvencionaranse as contratacións de persoal por conta allea, que se formalicen con posterioridade á notificación da resolución de concesión da subvención e con data límite do 30 de setembro de 2020, para o desenvolvemento de tarefas de asesoramento por parte dos organismos intermedios ás pemes e micropemes nas seguintes materias:

  • Asesoramento en captación de financiamento e xestión financeira da empresa
  • Relanzamento comercial
  • Transformación dixital da empresa e asesoramento tecnolóxico
  • Prevención de riscos laborais
  • Plans de continxencia na produción e na cadea loxística
  • Apoio na implementación de proxectos e ferramentas de teletraballo
  • Apoio nos procesos de contratación de persoal (procesos de selección)
  • Outras materias de natureza análoga ás anteriores.

Contía das axudas:

 A contía das axudas en concepto de incentivo por persoa contratada establecerase en función da súa titulación e grupo de cotización, segundo:

- Título superior universitario (licenciatura universitaria, arquitectura, enxeñería ou grao) - 13.500 €
- Título medio universitario (graduado/a, diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou grao) - 11.500 €
- Título de formación profesional de grao superior ou equivalente - 10.000 €

Prazo de presentación de solicitudes: O prazo será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Criterios de valoración: 

A puntuación de cada contratación proposta que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria realizarase sobre un total máximo de 55 puntos, sobre os seguintes criterios:

1. Tipo de contrato (máximo 4 puntos):
– Contratos indefinidos: 4 puntos.
– Contratos de duración determinada: 1 punto.

2. Titulación da persoa que se vai contratar (máximo 6 puntos):
– Formación profesional superior: 2 puntos.
– Grao universitario (diplomatura ou licenciatura): 4 puntos.
– Posgrao universitario/doutor/a: 6 puntos.

3. Número de meses de inscrición da persoa que se vai contratar como demandante de emprego desempregada no momento da solicitude nos últimos 18 meses (máximo 12 puntos):
– Ata 1 mes: 1 punto.
– Ata 3 meses: 2 puntos.
– Ata 6 meses: 4 puntos.
– Ata 9 meses: 6 puntos.
– Ata 12 ou máis meses: 12 puntos.

4. Perfil sociodemográfico da persoa que se vai empregar (no momento da solicitude. Máximo 15 puntos):
– Se é muller: 5 puntos adicionais.
– Se é menor de 30 anos: 5 puntos adicionais.
– Se é maior de 45 anos: 10 puntos adicionais.

5. Natureza intersectorial do organismo intermedio (8 puntos):
– Se é un organismo intermedio de carácter intersectorial ou representativo dunha cadea de valor: 8 puntos.

6. Ámbito territorial do organismo intermedio (máximo 10 puntos):
– Se é un organismo intermedio de ámbito comarcal, recoñecido como tal nos seus estatutos: 5 puntos.
– Se a súa sede social está situada nun concello rural: 5 puntos. 

Requisitos para a selección e contratación das persoas traballadoras:

  •  As persoas que se contraten no marco da presente axuda deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes desempregados, e estaren dispoñibles para o emprego (Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo):
  • O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:
    – Estar en posesión dunha das seguintes titulacións: Título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciatura, enxeñaría, arquitectura, graduado/a, diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica; Título de formación profesional de grao superior ou equivalente ou no caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, a dita titulación deberá ser equiparable en capacitación a algunha das anteriores.
    – Figurar inscrito como demandante de emprego e desempregado no momento da súa contratación
  • Os contratos de traballo por conta allea que se formalicen terán as seguintes características:
    a) Serán contratacións iniciais indefinidas a tempo completo, ou temporais a tempo completo; neste caso terán unha duración de 8 meses.
    b) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada deberá respectar, como mínimo e en calquera caso, o convenio colectivo que sexa de aplicación.
    c) Os beneficiarios deberán respectar o grupo de cotización correspondente á titulación da persoa contratada.

Podes visualizar a ficha resumen.

Preme aquí para consultar a Orde.

Se estas interesado en presentar unha solicitude preme aquí.

Consulta na seguinte ligazón a infografía informativa: Contratación en organismos intermedios de persoal técnico especialista para asesoramento a empresas no escenario da COVID-19

Xoves, 9 July, 2020 - 09:00

Compartir