Axudas ao fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros

A Consellería de Medio Rural publica as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros que se convocan para o ano 2024.

Cal é a finalidade destas axudas?

A finalidade é fomentar plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros a través de dúas liñas de axudas:

Liña I: fomento de plantacións de castiñeiro para froito.

Liña II: rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiro.

Quen pode solicitar estas axudas?

Serán persoas beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, entre as que se inclúen as cooperativas agrarias e as sociedades agrarias de transformación (SAT).

Cales son as actuacións obxecto da axuda?

Para a liña I, Fomento de plantacións de castiñeiro para froito, as actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes:

1º. A plantación de castiñeiro, que poderá incluír os gastos de tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta, a plantación, a protección da planta (mediante protectores e titores) e a sementeira de especies herbáceas.

2º. Os peches perimetrais cando se xustifique a súa necesidade (manexo de gando, fauna… independentemente do tipo de persoa beneficiaria) e segundo as condicións técnicas mínimas recollidas no anexo X do DOG.

3º. O panel informativo, en consonancia coa obrigatoriedade da persoa beneficiaria de facer mención á orixe do financiamento das actuacións que se realicen ao abeiro desta orde, que se deberá localizar dentro ou estremeiras coa área obxecto da actuación nun lugar visible desde o acceso.

4º. Os honorarios de redacción de proxecto técnico, logo de solicitude e só nos casos en que sexa obrigatoria a súa presentación, segundo o máximo por hectárea indicado no anexo IX do DOG.

Para a liña II, Rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, son subvencionables o conxunto das actuacións silvícolas necesarias, agás a poda que queda excluída nestas mouteiras, para a xestión e o aproveitamento, así como para a restauración dos ecosistemas formados por soutos tradicionais de castiñeiro.

Cales son as superficies obxecto da axuda?

Poderán ser obxecto de axuda os terreos nos cales a normativa sectorial (urbanística, ambiental, de augas, de patrimonio, etc.) o permita e que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como:

  • Forestal (FO)
  • Matogueira (MT)
  • Pasto con arboredo (PA)
  • Pasto arbustivo (PR)
  • Pasteiro (código PS)
  • Froiteiras (código FY)
  • Terras arables (código TA)

Ata cando se pode presentar as solicitudes?

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 26 de xuño de 2024.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Recorda consultar a orde completa antes de facer a solicitude.

 

Mércores, 26 June, 2024 - 23:45

Compartir