Axuda Cheque autónomo seguimos adiante - PECHADO O PRAZO

Esta axuda ten como finalidade a reactivación da actividade económica dos autónomos que non percibiron prestación por cese temporal de actividade debido á covid-19.

Este instrumento apoia os gastos do día a día e consiste  nunhas axudas de ata 600 euros para promocionar o envío de produtos finais a domicilio e de ata 1200 euros para sufragar gastos de permanencia nunha plataforma de e-commerce local; para licenzas de uso de software para a venda a domicilio; para a promoción comercial en redes sociais;  para gastos de seguridade como máscaras, luvas, biombos, asesoramento en prevención, etc; e para a subministración e tamén as telecomunicacións. Ambas axudas son compatibles ata percibir un máximo de 1800 euros.

O autónomo beneficiario adquire o compromiso de manter a actividade e o emprego durante tres meses. Ademais, para optar a estes cheques, os autónomos deben estar en activo e cumprir tres condicións, a primeira é non percibir a prestación extraordinaria por cese de actividade do goberno central; a segunda, xustificar un descenso de ingresos de polo menos o 50 % desde a proclamación do estado de alarma; e a terceira, que as súas contas mostren un rendemento neto reducido inferior a 30 000 euros, cunha facturación mínima anual de 12 000 euros, con IVE incluído.

Podes ver o resumo da orde da axuda a través desta ligazón.

Obxecto: a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados na actual situación económica motivada pola pandemia da covid-19.

Beneficiarios:

1. As persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de mutualidade do colexio profesional con domicilio fiscal en Galicia que estean en activo e cumpran os seguintes requisitos:

- Que non percibisen prestación extraordinaria por cesamento temporal de actividade motivada pola pandemia da covid-19.
- Que teñan unha diminución na facturación superior ao 50 % comparando a facturación do segundo trimestre de 2020 coa do primeiro trimestre de 2020.
- Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30 000 euros e unha facturación mínima anual de 12 000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2019 ou do último ano que a presentara.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia que estean en activo e que cumpran os seguintes requisitos:

- Que as persoas traballadoras autónomas societarias non percibisen prestación extraordinaria por cesamento temporal de actividade motivada pola pandemia da covid-19.
- Que teñan unha diminución na facturación superior ao 50 % na facturación, comparando a facturacións do segundo trimestre de 2020 coa do primeiro trimestre de 2020.
- A empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración referida ao ano 2019 ou á última declaración presentada inferior a 30 000 euros. No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 30 000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens. Que a sociedade teña unha facturación mínima anual de 12 000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2019 ou do último ano que a presentase.

Axudas:

  • Axuda a gastos loxísticos e de transporte de envíos da empresa comercializadora de produtos finais ao domicilio das persoas consumidoras finais.
  • Axuda dos seguintes gastos da actividade da empresa:
    -  O pagamento por estar nalgunha plataforma de e-commerce local.
    - O pagamento por licenza de uso de software de venta en liña.
    - Gastos de publicidade en redes sociais.
    - Gastos correntes de seguridade motivadas pola covid-19 entre os que están, entre outros, os gastos en máscaras, luvas, desinfectante, limpeza, anteparos, asesoramento en prevención de riscos laborais.
    - Gastos de subministracións e de telecomunicacións.

Prazo de presentación de solicitudes: o prazo de presentación de solicitudes da axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Preme aquí para consultar a Orde.

Descarga o elemento divulgativo aquí

 

Martes, 30 June, 2020 - 13:00

Compartir