Abre o prazo para participar no certame Cooperativismo no Ensino 2024
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebra o Certame de Cooperativismo no Ensino 2024.
Cal é a finalidade do certame?
Como cada ano, esta iniciativa ten como obxectivo difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, a través do impulso de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
Que modalidades ten o certame?
MODALIDADE 1: Actividades artísticas
Calquera produción artística en modalidade gráfica ou audiovisual, tal como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, realizados de forma colectiva, en que se reflicta a posta en práctica dos valores e principios cooperativos.
4 categorías:
Categoría A: alumnado de 2º ciclo de educación infantil
Categoría B: alumnado de 1º e 2º de educación primaria
Categoría C: alumnado de 3º e 4º de educación primaria
Categoría D: alumnado de 5º e 6º de educación primaria
MODALIDADE 2: Actividades cooperativizadas
Memorias de actividades realizadas cooperativamente por grupos de alumnos ou alumnas. As actividades poderán consistir, entre outras, na creación de cooperativas escolares, organización de eventos ou festivais, obras de teatro, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas de radio ou actividades de voluntariado.
Categoría única: alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e de educación especial
MODALIDADE 3: Proxectos empresariais cooperativos
Proxectos empresariais elaborados polo alumnado, baixo a modalidade de proxectos empresariais cooperativos.
Categoría única: alumnado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e ensinanzas de réxime especial
Ata cando se poden presentar as solicitudes?
O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de abril de 2024.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Recorda consultar a orde completa antes de facer a solicitude.
Descarga o cartel