Axudas para a contratación de menores de 30 anos

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica as bases reguladoras para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos para a anualidade 2023.

A finalidade da convocatoria é mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral, coa finalidade última de promover a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa comunidade.

As empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:

Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario, de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.

Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán celebrarse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional.

Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea. Tamén poden ser beneficiarias os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, excepto para celebrar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa e o período durante o que se teñen que producir estes contratos formativos para que sexan subvencionables é desde o 16 de outubro de 2022 ata o 30 de novembro de 2023.

A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:

a. Incentivo á contratación por 12 meses a xornada completa:

  1. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16 625 €
  2. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13 300 €
  3. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9975 €

b. Incentivo á formación: por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 60 horas:

  1. 2000 € para formación presencial
  2. 1000 € para teleformación

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 2 de outubro de 2023.

Antes de facer a solicitude, consulta a orde completa premendo.

 

Luns, 2 October, 2023 - 23:45

Compartir