A economía social supón o 7 % do PIB galego

O Foro Económico de Galicia presentou o pasado 23 de xuño o informe A economía social como modelo de desenvolvemento para Galicia.

Neste informe, constátase a necesidade de pór en valor a importancia da economía social en Galicia, que hoxe supón arredor do 7 % do PIB da comunidade e que só as cooperativas garanten unha facturación de 2500 millóns de euros.
A economía social vai máis alá da simple maximización dos beneficios, xa que establece unha serie de principios no seu funcionamento, como son a solidariedade, a non discriminación e a democracia nos procesos de xestión e control, e nela as persoas ocupan sempre o eixe central da súa actividade.

Os autores deste informe, María Bastida e Alberto Vaquero, poñen de manifesto o papel fundamental da economía social para mitigar os efectos económicos e sociais que provocou a crise sanitaria global da COVID-19, ademais de destacar o papel clave que teñen as cooperativas para garantir a sustentabilidade social, económica e medioambiental do medio rural galego.

Os relatores tamén destacan a necesidade de aumentar o coñecemento público das contribucións da economía social á sociedade e á economía galega, como son a xeración de riqueza e o emprego. Así mesmo, sinalan que o sector ten unha forte implicación no territorio no que se desenvolve, o que posibilita a reinvestimento dos beneficios xerados neste territorio e permite a retroalimentación da iniciativa.

Por último, destacan que a economía social posibilita a supervivencia de actividades en risco de desaparición, algo de especial transcendencia en Galicia en todo o relacionado co medio rural que, por falta de oportunidades e polo escaso atractivo para a poboación de menor idade, está sendo abandonado. Por ese motivo, insisten no apoderamento da economía social e a súa visibilidade para a sociedade, así como o recoñecemento das oportunidades de mellora xeradas por este tipo de actividade.

 

Martes, 13 July, 2021 - 09:00

Compartir